Ferramentas
Menú

Presentación do grupo

FOTO_1

No século XXI, o reto do dereito público pasa por superar as coordenadas dun dereito construído sobre os piares e cos límites dos estados nacionais, cos obxectivos postos en construír as bases dun dereito público global. Estaremos, sen dúbida, ante un dereito de natureza fundamentalmente principal, que terá que gravitar sobre as esixencias do bo goberno e a boa administración, un novo paradigma sobre o xeito de gobernar no actual horizonte da globalización, ante os profundos cambios experimentados na sociedade, como resposta dos fallos de mercado e como froito da nova xestión pública. O dereito público global obriga a deitar a ollada sobre outros ordenamentos xurídicos, de igual ou moi distintas raíces, en que, malia as diferenzas, pode falarse da existencia dun dereito común, se con iso nos referimos ás esixencias da cidadanía respecto das actuacións dos poderes públicos.

A globalización, coa súa referencia a un espazo supraestatal, non se reduce a unha relación entre Estados soberanos, senón que implica un espazo xurídico común, en que aqueles comparten espazo con organizacións non-gobernamentais e entes privados, o cal provoca a revitalización do ius gentium como superador do ius inter gentes, do dereito internacional clásico, e, mesmo, un retorno ao dereito natural. 

Ante esta realidade, cómpre repensarmos as categorías do dereito público.