Ferramentas
Menú

Observatorio de políticas públicas en materia de discapacidade, atención á diversidade e igualdade de oportunidades

O 13 de febreiro de 2014 constituíuse na Facultade de Dereito de A Coruña o Seminario Permanente sobre a Diversidade, baixo o patrocinio do Consello Social da Universidade da Coruña.

As primeras accións do Seminario dirixíronse para recopilar, sistematizar, analizar e avaliar a normativa universitaria destinada aos estudantes con discapacidade, coa finalidade de facer propostas de reforma, mellora e innovación no tratamento da diversidade. Disto emana o primeiro resultado do grupo de investigación: a Carta dos dereitos dos estudantes con discapacidade na Universidade, presentada no II Congreso Internacional sobre Universidade e Discapacidade. Universidades inclusivas, Universidades de Futuro”, organizado pola Fundación ONCE e celebrado en Madrid os días 27 e 28 de novembro de 2014. A Carta servíu de atalaia dende a que contemplar a realidade da discapacidade na Universidade. A partir dela, elabórase o Informe “Cuestións xurídico-administrativas en torno á inclusión do alumnado universitario con discapacidade e necesidades educativas especiais”. Trala análise do marco normativo sobre a discapacidade, con especial referencia ao eido educativo, realizouse un estudo das políticas públicas sobre a discapacidade impulsadas no ámbito universitario, co obxectivo primordial de realizar propostas de lege ferenda encamiñadas ao efectivo recoñecemento e a realización dos dereitos das persoas con discapacidade e necesidades educativas especiais na Universidade.

Na actualidade, o Seminario constituíuse en Observatorio de políticas públicas en materia de discapacidade, atención á diversidade e igualdade de oportunidades (Proxecto CE10). Non é un simple troco de nome: os obxectivos sobredimensionáronse sen necesidade de que os membros do Seminario puxésemos especial empeño niso. A aspiración da inclusión como idea forza que nos moveu dende o comezo non se esgota nas persoas con discapacidade. Máis ben, este colectivo é representativo dos éxitos e fracasos das políticas públicas inclusivas, pero xunto a el existen outros moitos colectivos en risco de exclusión que merecen asemade atención. De ahí que optásemos por poñer o foco de atención na igualdade de oportunidades, sexa cal sexa a causa da desigualdade.

Web do Observatorio:

http://www.ce10udc.com/

logo_proyecto_ce10-