Presentación
O réxime da contratación pública da Unión Europea persegue tradicionalmente que os entes do sector público realicen compras mediante unha utilización eficiente dos fondos públicos e, así mesmo, que fique garantida a libre concorrencia entre os operadores económicos á hora de concorreren aos procedementos públicos de licitación. Todo isto coa finalidade de garantir as liberdades de circulación de servizos e mercadorías no ámbito comunitario e, en consecuencia, de evitar comportamentos discriminatorios, arbitrarios ou opacos na adxudicación dos contratos públicos.
O grupo de investigación centrou os seus traballos no estudo dos seguintes temas: o dereito comunitario dos contratos públicos e da xurisprudencia comunitaria do Tribunal de Xustiza da Unión Europea; as encomendas in house e a súa diferenciación dos contratos públicos; a execución dos contratos e o estudo das prerrogativas da Administración pública; o procedemento de adxudicación dos contratos públicos; etc.
A actual regulación de contratación pública e, moi especialmente, a nova proposta de directiva sobre contratación pública prevén que esta técnica sexa utilizada tamén con un terceiro obxectivo: apoiar o cumprimento das políticas públicas ambientais, sociais e de fomento da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico. A contratación pública representa o 16% do mercado interior (equivalente ao produto interior bruto da República Federal Alemá), o cal nos indica a capacidade do mercado público para marcar as tendencias en materia de produción, consumo, desenvolvemento tecnolóxico e responsabilidade social corporativa. Na actualidade o grupo está a centrar particularmente os esforzos na análise da contratación pública como un instrumento de mercado orientado ao apoio dos obxectivos de diferentes políticas públicas.