Ferramentas
Menú

Presentación

A crecente preocupación polas zonas costeiras constitúe un dos asuntos centrais nas políticas ambientais de moitos países do mundo, na medida en que xa soportan máis da metade da poboación mundial e a implantación de moitas actividades e instalacións que teñen o seu lóxico emprazamento no litoral (pesca, acuicultura, portos, turismo, transportes marítimos etc.), actividades que, en ocasións, non son facilmente compatibles.
Desde a aprobación da norma de xestión costeiras dos Estados Unidos (Coastal Zone Management Act de 1972) moitos países emprenderon as súas políticas de protección e ordenación do litoral. E nos instrumentos internacionais sobre medio ambiente a temática sobre a sustentabilidade do litoral é recorrente (cfr. por exemplo, o capítulo 17.º da Axenda XXI aprobada na Conferencia de Río de Janeiro de 1992).
A “xestión integrada das zonas costeiras” (coñecida tamén baixo as siglas GIZC) ten como obxectivo “equilibrar a longo prazo dentro dos límites impostos pola dinámica natural e a capacidade de carga da zona os beneficios do desenvolvemento económico e dos usos da zona costeira polos seres humanos, da protección, preservación e restauración das zonas costeiras, da redución das perdas en termos de vidas humanos e de danos ás cousas e do acceso e aproveitamento públicos da costa” (J.M. BARRAGÁN). Hogano, a GZIC presenta un gran desenvolvemento científico e é obxecto de monografías, revistas especializadas, cursos de especialización etc. Moi relacionada coa ordenación do territorio, a GIZC estase a introducir nas políticas públicas ambientais ao longo do mundo. Nesta sección do Observatorio do Litoral pretendemos ofrecer algúns exemplos e modelos de GIZC e, en particular, as iniciativas que se están desenvolvendo no Estado español.
Outro dos aspectos en que se centra esta liña de investigación do grupo é a seguranza marítima. A catástrofe do Prestige marca un fito na historia recente de España, cunha explicable repercusión internacional. Foi importante desde o punto de vista ambiental e económico. Incidiu tamén nas capas profundas do espírito colectivo, que resultou conmocionado pola reiteración dos accidentes, moi singularmente na ruta atlántica europea que bordea Galicia, e pola sensación de vulnerabilidade. Foi unha nova chamada de atención á comunidade internacional e aos poderes públicos nacionais, para avanzar máis decididamente na prevención e intervención das emerxencias e facer que sexa cada vez máis difícil a súa produción nun mundo crecentemente interrelacionado, do que cómpre eliminar os seus efectos negativos. Debe recoñecerse que, a golpe de catástrofes, se promoveu a mellora dos mecanismos de prevención, así como do tratamento e reparación dos danos causados. Queda aínda un amplo campo por andar, porque, nalgunha medida, córrese o perigo de relaxación, superados os momentos críticos e as súas inmediatas secuelas.
As institucións xurídicas e as administracións públicas deben adaptarse aos novos problemas que orixina a civilización do risco en que nos achamos inmersos, que reclama, loxicamente, e de xeito cada vez máis imperioso, seguridade, que ten que se procurar da man do progreso e do impulso dunha democracia solidaria e cooperativa. Como recoñece o libro verde sobre os servizos de interese xeral, presentado pola Comisión, “a seguranza e a protección convertéronse nunha prioridade en Europa”, que o accidente do Prestige puxo aínda máis en evidencia, tal e como alí se cita.